CALDAS> O Partido Popular de Caldas denuncia o mal estado no que se atopan diferentes puntos da vila. Os populares alertan dunha vertedura no río Bermaña así como do perigo do seu paseo nalgúns tramos. Tamén culpan ao Concello polo derrube dun dos fondos da pista polideportiva da Tafona.
Verteduras no Río Bermaña, deficiencias no seu paseo e unha pista polideportiva sen un dos fondos debido a un derrube. O Partido Popular denuncia o mal estado no que se atopan diferentes puntos da vila e culpa directamente ao concello.
O río Bermaña presentaba esta mañá unha vertedura dunha cor agrisada. Segundo o líder dos populares, días atrás, o río tinguiuse de vermello.
Non é necesario afastarse do río para comprobar outra das demandas de Fernando Pérez. O paseo do Bermaña mostra un estado lamentable. A madeira está podre e rota e a maleza cubre algúns dos tramos do camiño.
A última reclamación dos populares ten que ver coa pista polideportiva da Tafona. A formación viña denunciando o mal estado da cancha dende fai semanas e finalmente, un dos fondos viuse abaixo.
Os populares claman ao concello que vele pola seguridade da veciñanza e, especialmente dos máis mozos, pero tamén dos peregrinos e visitantes. Piden que se goberne de verdade e se fagan labores de mantemento.