Ruíz critica as deficiencias que segue a presentar a autovía do Barbanza

    ruiz_100_241208.jpgBARBANZA >  Manuel Ruíz critica que unha semana despois da inauguración da Autovía do Barbanza  as obras seguen sen estar rematadas.

    Segundo Manuel Ruíz a Xunta continúa sen arranxar debidamente as canalizacións de pluviais, o que provoca frecuentes asolagamentos cando se rexistran precipitacións voluminosas; seguen existindo problemas de accesos en numerosos núcleos de poboación e en fincas de particulares; os pasos elevados sobre a autovía non foron dotados de redes metálicas de protección que impidan o lanzamento de pedras e outros obxectos sobre a calzada; ó tempo que persisten as deficiencias na sinalización horizontal, como tramos sen pintura rugosa nin reflectantes.

    Seguridade

    O deputado popular denuncia tamén que a pesar das promesas oficiais, algunhas zonas carecen de gardarraís de dobre bionda para evitar danos ós motoristas, unha carencia que é especialmente significativa e perigosa na separación metálica colocada na mediana de algunhas curvas.

    Risco ambiental

    Segundo el, Política Territorial tampouco retirou as moreas de asfalto retirado da anterior vía rápida situado a carón da autovía, supoñendo un risco ambiental significativo.

    Ruíz Rivas tamén aventura que, co seu deseño actual, o acceso e a saída da autovía, á altura de Padrón, rexistrará frecuentes colapsos no verán, na medida en que un único carril é compartido polo tráfico que accede ou procede da Autoestrada do Atlántico e das poboacións do contorno.

    Novas conexións

    Para evitar este problemas, que en opinión de Ruiz Rivas cobrarán especial gravidade durante os meses estivais, a Xunta debería construír un carril específico para conectar a autovía da Barbanza coa Autoestrada do Atlántico. O mesmo podería dicirse da saída en Ribeira, onde non se contemplou unha conexión diferenciada para puntos como Noia, Polígono industrial ou Corrubedo.

    Redacción Barbanza