O BNG sonense disconforme coa compra da antiga casa da sindical

    PORTO DO SON> A intención do equipo de goberno pasa por comprar este inmoble para cederlla posteriormente ó Ministerio do Interior e habilitar alí o novo cuartel da Garda Civil. A intención do grupo de goberno de investir uns 40 mil euros na adquisición da antiga casa da sindical, a escasos metros do concello, para cederlla posteriormente ó Ministerio do Interior, e construír alí o futuro cuartel da Garda Civil, está a levantar o rexeitamento por parte do grupo municipal do BNG. A súa voceira Ánxela Franco criticou esta actuación, ó parecerlle desproporcionada, máxime cando o edificio, construído durante a ditadura, asentábase xa sobre un terreo municipal. Segundo ela o concello en vez de desembolsar agora uns 40 mil euros na súa adquisición debería solicitar a súa desafectación, ó quedar en propiedade da Xunta ó desaparecer o sindicato.