A Praza de Galicia acollerá unha protesta pola vaga de atropelos na cidade

    previa_manifestacion_vilagarcia_100_261208.jpgVILAGARCÍA > Familiares e amigos de Manuel Abalo, falecido nun atropelo, manifestaranse mañá ás doce da mañá.

    Manuel Abalo foi unha das cinco persoas que este ano faleceron en Vilagarcía vítimas dun atropelo. Mañá ás doce da mañá os seus familiares e amigos concentraranse na Praza de Galicia para protestar ante a vaga de accidentes que se están a producir na vila e denunciar o que consideran unha mala actuación da xustiza no caso de Manuel Abalo.

    O pasado once de maio un coche de gran cilindrada que circulaba pola avenida da Mariña arrollou a Manuel Abalo nun paso de peóns. O mozo, que faleceu a causa do accidente, foi unha das cinco persoas mortas no que vai de ano en Vilagarcía a causa dos atropelos. Para intentar frear esta estatística, familiares e amigos de Manuel Abalo convocan unha manifestación mañá ás doce da mañá na Praza de Galicia. Consideran que a orixe dos sinistros está nunhas medidas de seguridade deficientes.

    No caso de Manuel Abalo, o condutor que o atropelou fuxiu do lugar do sinistro e tempo despois foi detido ó norte de Portugal cando tentaba ocultar o vehículo fóra do país. Despois de pagar unha fianza de 20 mil euros, saía libre o pasado oito outubro.

    Ademais da manifestación, tanto compañeiros como familiares de Manuel Abalo están recollendo firmas para presentar no Xulgado e solicitar ese endurecemento das penas. Polo momento contan xa con seis mil sinaturas. Agora só agardan que todas estas iniciativas dean os seus froitos.

    Redacción Salnés