Vilagarcía destina uns 440.000 euros das arcas municipais á reactivación económica local

VILAGARCÍA> Vilagarcía pon en marcha un plan para a reactivación económica do seu comercio e hostalería. Alberto Varela presentou esta mañá a proposta á oposición, que suporá un investimento de ao redor de 440.000 euros do orzamento municipal. Serán axudas directas a hostalería, comercio e autónomos afectados pola crise sanitaria.

Vilagarcía senta as bases para o seu plan de reconstrución económica. O concello presentou hoxe un paquete de medidas dirixidas a apoiar aos sectores máis golpeados pola crise sanitaria. Os hostaleiros, comerciantes e autónomos que xustifiquen perdas no seu negocio derivadas do coronavirus, poderán recibir axudas directas.

Son achegas financiadas de xeito íntegro con fondos municipais, e que veñen complementar a outras que poñan en marcha o resto de administracións públicas.

Outra das medidas é a posta en marcha dunha campaña para fomentar o consumo local. O concello habilitará ao redor de 3.750 bonos que permitirán inxectar liquidez inmediata no comercio de proximidade.

Ademais, o goberno estuda reorientar fondos EDUSI dentro do programa Vilagarcía Avanza dedicados a temática social para empregalos en políticas de fomento do emprego.

Varela trasladou hoxe estas medidas á oposición no encontro que mantiveron durante a mañá.