O persoal de cociña do hospital do Salnés reclama o pago dos salarios pendentes

VILAGARCÍA> Concentración esta mañá dos traballadores do servizo de cátering e cafetería do Hospital do Salnés. Reclaman á anterior empresa concesionaria que pague as nóminas pendentes do mes de febreiro. No caso dalgunhas traballadores, están agardando polo salario de dous meses. A concesionaria, Arcasa, caeu en concurso de acredores e acabou renunciando á concesión.  Desde este mes de marzo, xa hai unha nova empresa que se encarga deste servizo.

A empresa Arcasa tiña a concesión do servizo de cafetería e cátering do Hopistal do Salnés. A compañía entrou en concurso de acredores no mes de agosto. Dende aquela foi,  aínda que con retraso, pagando as nóminas dos traballadores. Pero a 19 de marzo, ten pendente aínda facerlle fronte ás nóminas de febreiro. No caso dalgunhas traballadores, están agardando polo salario de dous meses.

A información que está a recibi-la vintena de traballadores afectados chega a través do Sergas que, polo de agora, limítase a indicar que ten a fianza da empresa retida. 

Os traballadores din que se nas próximas semanas non lles pagan o que lles deben, irán á xustiza.

Arcasa estivo á fronte deste servizo durante dous anos, máis unha prórroga de dous anos que non chegaron a cumprir. Agora, a conseción foi asumida por outra empresa, que permite aos traballadores respirar máis aliviados.

TT

E din non entender como é posible que non se bote xa man da fianza que, segundo lembran, supostamente serve, precisamente, para facerlle fronte a este tipo de casos. Máis aínda ante unha empresa que caeu en concurso de acredores hai xa medio ano.