A comarca do Barbanza mobilízase para esixir a paz en Gaza

    concentraciongaza_100_120109.jpgRIBEIRA > O horror que están a vivir o millón e medio de palestinos que poboan a franxa de Gaza non é alleo á comarca do Barbanza.

    {flowplayer}barbanza/concentraciongaza.flv{/flowplayer}

    Coincidindo coas numerosas manifestacións de apoio a Gaza que se desenvolveron por todo o mundo, tamén dende Ribeira se quixo expresar a solidariedade do Barbanza coa poboación da franxa. Nunha concentración, celebrada o sábado na praza do concello, déronse cita os membros da comunidade árabe en Ribeira así como numerosos veciños da vila e doutras localidades da bisbarra para manifestar a súa condena ós bombardeos israelíes sobre a poboación civil de Gaza que, en tan só dúas semanas, xa causaron máis de novecentas mortes.

    Os manifestantes portaban pancartas con lemas pacifistas e fotografías sobre o terror que están a padecer os refuxiados palestinos. A concentración rematou coa lectura dun manifesto esixindo o fin da ofensiva e do bloqueo que, dende hai anos, mantén en situacións extremas á poboación da franxa.

    Suspensión das relacións con Israel

    Ademais de sumarse coa súa presenza na manifestación á causa palestina, os edís nacionalistas de Ribeira e da Pobra veñen de presentar sendas mocións nos seus concellos para condear esta guerra ilegal. No texto propoñen remitir un escrito ó presidente e vicepresidente da Xunta de Galicia así como ó presidente do goberno central, ó Ministerio de Asuntos Exteriores e á embaixada de Israel, solicitando a suspensión das relacións diplomáticas co estado israelí ata que non se produza o cesamento do fogo definitivo.

    Tamén emprazan ó goberno de Rodríguez Zapatero a instar ó cumprimento das resolucións das Nacións Unidas relativas á retirada israelí dos territorios ocupados así como ó envío dunha misión de observación co fin de garantir a fin do bloqueo que mantén á poboación en situación de catástrofe humanitaria e a ofensiva militar que, en tan só dúas semanas, tinguiu de sangue Gaza.

    Redacción Barbanza