A Pobra súmase á ‘Rede Galega de Praias sen Fume’

POBRA> O concello da Pobra do Caramiñal vén de incorporarse á ‘Rede Galega de Praias sen Fume’. Este ano farao unicamente cunha praia, a do Areal, aínda que nun futuro non descarta incluir máis praias do municipio.

A bandeira de ‘Praia sen Fume’ xa loce na praia do Areal. O concello pobrense vén de adherirse a esta iniciativa da consellería de Sanidade, da que xa forman parte tamén outros municipios da comarca como poden ser Rianxo, Boiro ou Noia. Con ela búscase concienciar ós bañistas sobre a necesidade de erradicar o tabaquismo destes lugares de ocio. Forma parte dunhacampaña de sensibilizaciónque ten coma fin incidir na importancia da conduta dos adultos para que o seu comportamento con respecto ó tabaco sirva de exemplo para os máis pequenos, ó tempo que se protexen estes espazos naturais como son as praias da presenza indiscriminada de cabichas que afean e atentan contra o medio ambiente.

Este próximo mércores, coincidindo coa celebración do mercadiño ambulante nesa mesma zona da praia, realizarase unha campaña informativa, na que se repartirán díticos e tamén outro material divulgativo para concienciar ós usuarios sobre hábitos saudables e sostibles. Este ano o Concello só incorpora este areal á ‘Rede de Praias sen Fume’, pero no futuro non descarta sumar máis praias a esta iniciativa.