Prestan declaración os dous detidos na operación Tabaiba

    nave_sisan_100.jpgCAMBADOS > Os detidos pola operación de narcotráfico Tabaiba na que se apreixaron 4.000 kilos de cocaína na costa de Muxía esta fin de semana, …

    …prestaron hoxe declaración no xulgado número un de Cambados.

    Un deles, é Andrés García Gesto, integrante activo do coñecido clan dos Lulús da Costa da Morte. O outro é o cambadés residente en Ribadumia, Juan Carlos Fernández Cores. Este último é coñecido localmente como o Parido; un alcume que herdou do seu tío Narciso Fernández Hermida, xa procesado na operación nécora. Fernández Cores non tiña antecedentes ate o de agora; malia a todo, as autoridades pensan que el puidera ser o responsable de orquestrar esta última fase da operación; e podería estar tamén vinculado a outras descargas nos últimos cinco anos; que artellaría con mariñeiros experimentados doutras bandas desmanteladas.

    A unidade Contra o crime organizado Greco Galicia interveu onte nesta nave catro planadoras semiríxidas, de cadanseus 10 metros de eslora. Unhas embarcacións moi similares á que realizou a descarga na cala muxiana da Arnela e que posteriormente foi incendiada na costa de Aguiño, logo de embarrancar.

    Hoxe esta nave, que oficialmente alberga gando, pero que está dotada de cumpridas medidas de seguridade, foi vixiada habitualmente por axentes da Garda Civil.

    Redacción Salnés