Extrugasa e Inelga buscarán estrearse en 2009

baloncesto250_160109.jpgVILAGARCÍA > Tras unhas vacacións máis longas do agardado, volve a competición para o Extrugasa e faino cun derbi. As vilagarciáns visitan a cancha do Celta Indepo coa intención de dar a sorpresa e levarse a victoria do pavillón das Travesas.

Con moitas gañas de xogar e sobre todo de gañar. Así se presenta en Vigo o Extrugasa despois de case un mes sen disputar un encontro oficial, propiciado polo parón de Nadal e polo aplazamento do seu choque da semana pasada ante o Gran Canaria.

Un partido, o de mañá, máis aberto do que se podía agradar hai escasos quince días. As baixas das locais e os reforzos das visitantes igualan forzas. As claves do encontro pasarán fundamentalmente por dous aspectos.

No Celta, as baixas de Alba Torrens e Blanca Marcos merman o seu xogo exterior, algo que tentará aproveitar o Extrugasa con Sara Gómez e Iziane Castro, no que será o estreo da brasileira.

A balanza equilíbrase no xogo interior; a parella formada por Nicholls e Ciudariene porá en serios problemas á defensa vilagarcián que conta coa baixa da súa pivot de referencia, Taru Tuukannen, concentrada coa súa selección.

Polo tanto, o que saiba levar o encontro ó seu terreo terá moito gañado.

As vilagarciáns ademais quererán controlar as ansias de victoria que de seguro aparecerán en certos momentos do choque.

No baloncesto masculino, en Liga EBA, o Inelga desprázase a Asturias para xogar co Grupo CLN, nun partido clave para os de Juan Espiñeira para deixar atrás a un equipo que camiña penúltimo na xeral pero co mesmo balance de victorias derrotas que os vilagarciáns. A moral acadada no último partido no que levou á prórroga ó lider, debe servirlles ó Inelga para retornar polo camiño da victoria.

Redacción Salnés