![]()
VILAGARCÍA> O executivo local da cumprimento así ó acordo acadado o pasado mes de outubro na Xunta Local de Seguridade.
{flowplayer}images/salnes/210109_violencia_de_xenero.flv{/flowplayer}
A Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero estará composta por membros das policías Nacional e Local de Vilagarcía, a alcaldesa Dolores García, a concelleira da Muller, a titular do Centro de Información á Muller e a responsable da Unidade Contra a Violencia Contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno. O obxectivo deste equipo será coordinar as diferentes actuacións e medios dispoñibles para protexer ás vítimas deste tipo de violencia. Unha Mesa que estará aberta á incorporación doutros membros, como representantes do poder xudicial.
Segundo a alcaldesa, a creación desta mesa supón un paso máis na loita contra a violencia machista, e vén a culminar o convenio que Policía Nacional e Local asinaran no 2006 para o seguimento e protección das vítimas de violencia de xénero. A partir de agora os membros da Mesa manterán unha xuntanza cada tres meses para garantir a coordinación entre os diferentes departamentos.
Como exemplo desta repulsa á violencia de xénero, preto de 150 persoas se concentraban onte na praza de Galicia de Vilagarcía para lembrar a María del Carmen Barcala, asasinada hai un mes en Portas. A mobilización foi convocada polo Consello Local da Muller e nela participaron amigos, veciños e familiares da falecida, así como representantes políticos do PSOE, o BNG e Esquerda Unida. Durante o acto, tanto as mulleres da Asociación Alecrín como a alcaldesa de Vilagarcía leron dous manifestos de condena da violencia machista. A concentración rematou cun minuto de silencio.
Redacción Salnés







