Louzán promove en Braga os viños e conservas das Rías Baixas

    foto100.jpgBRAGA> Máis de 150 persoas asistiron á presentación da campaña de promoción de Turismo Rías Baixas e Deputación de Pontevedra ‘Ricas por natureza’.

    Con este título, a denominación de orixe Rías Baixas e ANFACO dan a coñecer o destino ‘provincia de Pontevedra’ e os seus principais recursos turísticos e gastronómicos, como son os viños e as conservas de peixes e mariscos.

    A presentación fíxose esta mañá en Braga, ante un interesado auditorio integrado por representantes políticos, xornalistas e touroperadores. O encargado de abrir o acto foi o vicepresidente da Cámara Municipal de Braga, Víctor Sousa, que agradeceu que se escollera Braga para presentar esta campaña e sinalou a importancia que ten, hoxe en día, potenciar a mobilidade entre o norte de Portugal e o sur de Galicia. Deste xeito ofreceuse para colaboracións futuras entre a Deputación e a Cámara Municipal de Braga.

    Por parte do Consello Regulador da DO Rías Baixas, Rosa Martínez, destacou as rutas enoturísticas de Pontevedra e convidou ós asistentes a visitar as bodegas desta denominación de orixe. Desde ANFACO, Juan Vieites, resaltou a importancia que a industria conserveira ten na provincia de Pontevedra.

    O acto pechouno o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que sinalou que ‘xuntos, Galicia e o norte de Portugal, configuramos un dos espazos económicos europeos con maior potencial de desenvolvemento económico e social. Un espazo no que viven 6,3 millóns de habitantes. Unha zona con máis de 32.000 empresas que xeran intercambios comerciais de cerca de 2.000 millóns de euros’.

    Louzán destacou a excelencia das infraestruturas hoteleiras de Pontevedra e indicou que na actualidade hai un total de 430 establecementos con máis de 25.000 prazas de aloxamento, ós que hai que engadir as 20.000 prazas de cámping repartidas entre 42 instalacións, e as 200 casas de turismo rural, con máis de 1.000 habitacións e 2.200 prazas.

    O presidente da Deputación explicou que traían a Braga unha boa mostra dos produtos gastronómicos e enolóxicos, grazas á colaboración da D.O. Rías Baixas, que conta con máis de 200 bodegas que producen máis de 30 millóns de botellas de albariño se distribúen en máis de 60 países; e de ANFACO, que agrupa a máis de 200 empresas conserveiras de peixes e mariscos e que conta en Vigo cun centro de investigación propio.

    A campaña ‘Ricas por naturaleza’ ten como eixes o factor da proximidade, xa que se vende como un destino de calidade a menos de catro horas da casa; e tamén a riqueza dos seus recursos (ocio, cultura, paisaxe, gastronomía, viños, etc). A presentación deste destino turístico complementouse cunha degustación de viños D.O. Rías Baixas e de conservas en distintas preparacións. A vindeira semana continuará en Lugo e Madrid.

    Redacción Salnés