Unha quiniela selada no Bar Picón deixa 1’7 millóns de euros na parroquia rianxeira de Asados

    RIANXO> A sorte volve a estar con Rianxo. Nesta ocasión en forma de quiniela. Foi no Bar Picón na parroquia de Asados onde se selou o pleno ó quince. O gañador, ou posibles gañadores, xa que polo de agora se descoñece a súa identidade, cobrará a nada desdeñable cantidade de 1’7 millóns de euros.

    Dende primeiras horas da mañá, e nada máis coñecerse a nova, o bar foise enchendo de xente. Non era para menos. No establecemento selárase o boleto premiado co pleno o quince, correspondente á vixésimo primeira xornada de liga, dotado con 1’7 millóns de euros.

    Polo de agora descoñécese o nome do afortunado ou afortunados, pero todo fai pensar que sexa un veciño da zona. A satisfacción no Bar Picón era grande, xa que este é o premio de maior contía que levan repartido dende que se abriu o establecemento.

    E mentres en Rianxo a xente continúa probando. As administracións de lotarías da localidade estaban cheas de xente. Para moitos a fortuna volveu a estar esquiva desta vez, pero a sorte pode que cambie. Por intentalo que non quede.

    Redacción Barbanza