Pesca non revisará o modelo de reparto das cotas pesqueiras

    BARBANZA> O Ministerio de Agricultura non mudará o sistema de reparto das cotas pesqueiras. Así o comunicou o secretario xeral de Pesca ós representantes do sector do cerco que acudiron este xoves a unha xuntanza en Madrid. A pesar da decepción, os responsables de ACERGA decidiron desconvocar os peches que mantiñan nos concellos de Porto do Son, Bueu e A Coruña. Eran moi poucas as expectativas que ACERGA tiña postas na reunión do sector co Ministerio de Agricultura. Tal e como agardaban, o secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, comunicoulles que, polo momento, non se revisará o modelo de reparto de cotas entre comunidades. Os representantes sindicais apelan á vontade política de Madrid para entablar negociacións, posibilidade á que o Ministerio estaría aberta sempre e cando exista un entendemento previo de toda a flota galega. Malia a negativa ó cambio no modelo, a xuntanza deparou tamén algunha sorpresa positiva xa que o Ministerio concedeu un incremento de mil toneladas de xurelo ó non descontarse a sobrepesca da pasada campaña. Precisamente, os responsables de ACERGA e das outras asociacións do cerco de Galicia deberán decidir nos próximos días sobre a proposta da Consellería de Mar de establecer ese mínimo de capturas para cada embarcación, en función do seu tamaño. Unha proposta que dende o goberno galego consideran beneficiosa para o sector. Á espera de ver se se produce o tan ansiado acordo, ACERGA puxo fin ós peches iniciados o pasado martes nos concellos de Porto do Son, Bueu e A Coruña aínda que de momento manteñen a acampada en San Caetano.