O centro de saúde de Vilalonga estará rematado a finais de ano

    centro_saude_vilalonga_100_060209.jpgSANXENXO> Así o anunciou a conselleira de Sanidade, María José Rubio, durante a súa visita ás obras do futuro centro médico.

    {flowplayer}images/salnes/060209_centro_saude_vilalonga.flv{/flowplayer}

    O novo ambulatorio de Vilalonga-Sanxenxo contará con tres consultas de medicina xeral e outras tres de enfermería, ademais de dúas consultas polivalentes, unha sala de espera e outra para toma de mostras. Durante a visita á parcela na que se está a construír o edificio, a conselleira de Sanidade salientou que as obras marchan segundo o previsto, polo que agardan que a final de ano o centro entre en funcionamento.

    Para levar a cabo esta actuación o Servizo Galego de Saúde investirá máis de 780.000 euros, dos cales 60.000 irán destinados a equipamento. Este ambulatorio dará servizo a máis de 4.700 veciños de Vilalonga, Gondar e Noalla, liberando así a carga de traballo do centro sanitario de Baltar. Precisamente en relación ós problemas de funcionamento do consultorio de Baltar, a conselleira manifestou a súa vontade de solucionar os conflitos pola vía do diálogo. E ante a alternativa de ampliar este centro, Rubio amosouse cauta, aínda que asegurou que estudarán esa opción.

    A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, tamén se referiu á posibilidade de incrementar a infraestrutura médica do concello, e adiantou que porán á disposición da consellería os terreos necesarios no momento no que decidan executar novas obras.

    En relación ós rumores sobre o posible peche do centro de saúde de Sanxenxo, a conselleira de Sanidade aproveitou esta visita para desmentilos, e insistir en que desde a Xunta están a traballar para ampliar os puntos de atención primaria, e non para eliminalos.

    Redacción Salnés