Volve Culturgal coa súa edición máis inclusiva e interactiva

PONTEVEDRA> O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do Culturgal. E xa van 12. A Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebrará entre o 29 de novembro e 2 de decembro no Pazo de Cultura, trae este ano dúas novidades. Unha en relación aos contidos e outra en relación á estética e a redistribución dos espazos.

Pontevedra comeza xa a prepararse para a duodécima edición do Culturgal. A Feira das Industrias Culturais de Galicia quere fomentar este ano a inclusión e a cultura interactiva. Por iso, co obxectivo de mellorar a redistribución dos stands e dos diferentes espazos, a organización traballou máis profundamente na parte estética.

Outro dos cambios desta edición ten que ver cos contidos. A directiva do Culturgal quere fomentar a participación daquelas empresas e entidades centradas na cultura interactiva.

Con estas dúas ideas sobre a mesa, a organización abre xa o prazo para todas as empresas que queiran contratar un espazo nesta feira ou para aquelas asociacións que queiran presentar propostas de programación. Porque este é sen dúbida o principal escaparate da cultura galega.

As autoridades que participaron hoxe na presentación do Culturgal coincidiron en que este evento está máis que consolidado no territorio galego e serve para situar a Pontevedra como un referente neste sector. A feira desenvolverase no Pazo da Cultura do 29 de novembro ao 2 de decembro.