Un novo temporal deixa en Arousa árbores caídos e pequenos anegamentos

    BARBANZA> Un novo temporal barreu esta tarde a comunidade galega aínda que os seus efectos non foron tan devastadores como o ciclón Klaus, rexistrado hai quince días. No Barbanza non se rexistraron danos graves; tan só incidencias menores como caídas de árbores ou pequenos anegamentos.

    {flowplayer}barbanza/temporalbarbanza.flv{/flowplayer}

    BARBANZA> O tempo segue sen dar tregua e unha vez máis a comarca do Barbanza volveu sufrir os efectos do temporal de chuvia e vento que azoutou Galicia durante a xornada de onte. Se ben nalgúns puntos da comunidade, os refachos de vento chegaron a superar os 150 quilómetros por hora, as fortes precaucións e os dispositivos de emerxencia que permaneceron alerta durante todo o día evitaron conscuencias graves.

    En Boiro, os voluntarios de Protección Civil procederon á retirada de árbores caídas en varios puntos das parroquias de Abanqueiro e Bealo así como a asegurar unha farola na rúa Norberto Pizjuán e unha caseta de obra en Cabo de Cruz, tamén se rexistrou un pequeño anegamento nun edificio da rúa principal. Tamén en Rianxo, os servizos municipais procederon á retirada de varios pinos caído sobre a estrada comarcal AC-305 á altura de Paradegua.

    Pola contra na Pobra e en Ribeira non se rexistraron incidencias salvo caídas de contedores e incidentes menores. A alerta laranxa motivou tamén que se suspenderan as clases en toda Galicia polo que as aulas permaneceron pechadas para evitar accidentes. Tamén na mar a flota permaneceu amarrada ante a alerta laranxa decretada por Protección Civil.

    O chamamento á precaución, evitou que as consecuencias deste fenómeno meteorolóxico tan adverso non fosen tan graves como as do Klaus que azoutou o norte peninsular hai agora dúas semanas. Para mañá, prevese unha lixeira melloría do tempo con ventos de menor intensidade aínda que se rexistrarán precipitacións durante a mañá e baixada das temperaturas.

    Redacción Barbanza