Afectados polas obras da autovía crean unha plataforma para que se corrixan as irregularidades

    RIBEIRA> Un grupo de veciños afectados polas expropiacións realizadas pola empresa Sacyr na construción da autovía veñen de constituír unha comisión para defender así mellor os seus intereses.

    Van alá varios meses dende a inauguración da autovía do Barbanza e polo de agora as súas reclamacións aínda non foron escoitadas. Séntense totalmente indignados. Razón principal pola que se veñen de constituir nunha comisión de afectados polas irregularidades que cometeu a empresa Sacyr, e por extensión a Consellería de Política Territorial, durante a construción da autovía.

    Na actualidade compoñen esta plataforma unhas 15 persoas, a maioría delas veciñas de distintas zonas de Ribeira, aínda que están abertos a outros afectados que tamén se queiran sumar.

    Accións ilegais

    Na maioría dos casos as súas queixas correspóndense con irregularidades cometidas pola empresa construtora da autovía pola ocupación de terreos sen autorización, o peche de accesos a fincas ou a destrución de acuíferos.

    Xosé María, Rafael, Fidel ou Jaime pretenden que se lle dea unha solución ós seus problemas e que se reparen os danos causados. Para nada están en desacordo coa propia obra, xa que a consideran un ben para tódolos veciños da comarca, o que non comparten é que non se cumpra a lei. Por esta razón non descartan a posibilidade de acudir ós tribunais para defender os seus intereses.

    Asemade nun futuro poderían emprender outras novas accións de protesta máis drásticas como poden ser mobilizacións ou mesmo cortes de tráfico.

    Reparación dos danos

    Pola súa banda, o delegado de Política Territorial, que se achegou ata Boiro, insistiu que se está a levar a cabo a reparación das deficiencias derivadas da obra aínda que as adversas condicións climatolóxicas están a demorar as actuacións. Con respecto á ocupación das fincas sen previo aviso, Alberto González amosouse moi extranado posto que, dixo, non é a forma habitual de proceder da Consellería.

    Redacción Barbanza