BOIRO> Así o anunciou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que esta mañá visitaba o peirao crucense para supervisar a marcha dos traballos.
A actuación, unha das máis modernas en materia portuaria das que actualmente executa o ente autonómico, conta cun orzamento duns cinco millóns de euros.
Acompañada da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e técnicos da UTE que representa ás tres empresas que executan as obras, a titular de Mar, Rosa Quintana, visitaba esta mañá o peirao de Cabo de Cruz. Alí puido coñecer de primeira man a marcha dos traballos que esta mesma semana encaran a súa fase final coa instalación dos tres últimos módulos do pantalán.
A actuación cun orzamento total duns cinco millóns de euros permitirá habilitar 100 prazas de amarre para a frota de acuicultura, con esloras comprendidas entre os 14 e os 22 metros.
A visita da conselleira do Mar na comarca continuou posteriormente en Porto do Son. Alí tivo un encontro co colectivo de redeiras ás que lle trasladou a posibilidade de poder acollerse a unha liña de axudas habilitada pola Xunta pola redución nos seus ingresos como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19.
Tamén tiña previsto manter unha reunión no Concello co alcalde, Luís Oujo, para avanzar nos prazos de inicio das obras do ambicioso proxecto de remodelación da fachada marítima da localidade.