POBRA> Os nacionalistas piden que se execute un acordo plenario aprobado por unanimidade en setembro de 2016 no que o Concello se comprometía a convocar un concurso de ideas para a realización dun proxecto de recuperación da zona. Vai alá máis dun ano dende que a corporación municipal aprobaba por unanimidade a realización dun proceso participativo no que se acordara o futuro das naves do denominado Barrio dos Cataláns. Era o paso previo para iniciar posteriormente a convocatoria dun concurso de ideas para a realización dun proxecto de recuperación da zona que debía estar incluído na segunda fase do proxecto de rexeneración ambiental das Xunqueiras promovido pola demarcación de Costas. Da execución deste acordo nada se sabe dende entón e o BNG, vendo o avanzado estado de deterioro que presentan atualmente estas naves, co risco de derrubamento, insta ó goberno de Nós Pobra a asumir con urxencia este compromiso. Para os nacionalistas nin o Concello nin a Demarcación de Costas están a mostrar o máis mínimo interese nestas edificacións que mesmo aparecen especificadas no Catálogo de Edificacións e Bens a Protexer do Plan Xeral de Ordenación Urbanística da localidade.
Inicio BARBANZA