Prisión para o sobriño de Charlín polo atropelo mortal dunha vilanovesa

VILANOVA> Prisión provisional para o presunto autor do atropelo mortal de onte en Vilanova de Arousa. Trátase de Diego Silva Charlín, sobriño de Manuel Charlín. Tras atropelar a Dolores Ventoso, de 78 anos, deuse á fuga. Hoxe pola mañá entregouse grazas á mediación dun irmán e foi detido pola Policía Local da vila.

Tras pasar a noite fugado da Policía Local, esta mañá os axentes detían a Diego Silva Charlín, presunto responsable do atropelo mortal de onte pola tarde en Vilanova de Arousa. O home, veciño de Vilanova de 44 anos e sobriño de Manuel Charlín, entregábase aos axentes despois da mediación dun familiar.

Segundo as testemuñas, el sería o responsable do atropelo que rematou coa vida de Dolores Ventoso, de 78 anos.

A muller cruzaba pola rúa Agustín Jambrina tras saír da igrexa parroquial e preto do seu domicilio, cando foi arrolada por un vehículo de alta gama.

Esta tarde tras prestar declaración, o xulgado de Vilagarcía decretou para Silva Charlín prisión provisional, comunicada e sen fianza. Está investigado polos delitos de conducción temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais, homicidio imprudente e abandono do lugar do accidente. Tamén se decretou o decomiso do vehículo e se lle retirou de xeito cautelar o permiso de conducir.

Diego Silva ten xa antecedentes por infraccións ao volante. En 2011 foi condenado a dous anos e medio de prisión por un accidente do ano 2007 en Vilaxoán. Nese momento, arrolou o vehículo que conducía o exconcelleiro vilagarcián Juan Antonio Dios, que faleceu no acto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí