Os comerciantes de Vilanova sofren unha vaga de roubos durante a noite

    roubos_vilanova100.jpgVILANOVA> Os ladróns aproveitan a noite e a falta de dotación policial no municipio para entrar nos establecementos e levar

    …cartos ou obxectos de pouco valor. As consecuencias económicas non son graves pero os feitos están a provocar medo entre os comerciantes, que se ven indefensos.

    Os furtos aumentaron esta fin de semana, cando se chegaron a producir ata 10 roubos en locais do centro do municipio. Unha das primeiras vítimas foi unha ferraxería do centro de Vilanova, onde os ladróns levaron 100 euros, da caixa rexistradora, despois de forzar a porta de entrada. Non contentos co botín, os ladróns volveron na noite do sábado a este negocio familiar e subtraeron un ordenador portátil e unha pantalla de televisión LCD. Os propietarios do comercio valoran os roubos nuns 1.500 euros pero o peor, segundo aseguran, é o medo que senten tras estes incidentes.

    Un ximnasio da zona tamén sufriu a visita non desexada dos ladróns do alleo. Os delincuentes non levaron obxectos de valor pero romperon o cristal da porta de entrada e causaron desperfectos. Ao igual que noutros establecementos do municipio. En total uns 10 locais foron vítimas destes incidentes.

    Dende a asociación de comerciantes piden que se aumente a vixilancia policial no municipio. Actualmente Vilanova non conta con patrullas da Policía Local entre as 10 da noite e as 8 da mañá. Cando hai un suceso é unha patrulla da Garda Civil a que se despraza ata o municipio dende Vilagarcía, Cambados ou Caldas. Coa tardanza que leva consigo este desprazamento.

    A Policía Xudicial está a investigar estes roubos. Segundo fontes oficiais, o principal sospeitoso é un veciño do concello de Vilanova que podería ser detido nas vindeiras horas e posto a disposición xudicial, por estes feitos.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/030309_roubos_vilanova.flv{/flowplayer}