VILAGARCÍA> Xa se coñecen os nomes dos candidatos a levarse o premio a Mellor Deportista de Vilagarcía 2008, nunha edición na que hai máis mulleres finalistas que homes. O gañador darase a coñecer o vindeiro venres día 13 na Gala do Deporte que se celebrará no Auditorio.
O xurado encargado de elixir ó Mellor Deportista do Ano en Vilagarcía no 2008, deu a coñecer onte os cinco candidatos a levarse o premio na Gala do Deporte que se celebrará o vindeiro 13 de marzo. Serán o equipo senior do club baloncesto Extrugasa – Cortegada, a sección feminina do club de Remo Vilaxoán, a futbolista Mari Paz Vilas, o judoka Daniel Maquieira e a corredora Cristina González.
En canto ós méritos duns e doutros para levarse o galardón o xurado coincidíu que no caso do Extrugasa, o seu quinto posto en Liga Femenina, a súa participación na Copa da Raiña e o seu segundo ano consecutivo participando en competición Europea son argumentos de peso.
Mari Paz Vilas, futbolista actualmente enrolada ó Futbol Club Barcelona, foi campiona de liga co Levante, subcampiona da Copa Raíña e seleccionada co equipo nacional.
Os títulos provincial, autonómico e nacional en bateis, propiciou a nominación do equipo promesa feminino do Club de Remo Vilaxoan.
Cristina González polos seus méritos en probas de ultrafondo, como o subcampionato de España de 100 kms., e por último, e único home, Daniel Maquieira, polos seus éxitos nos campionatos autonómicos e nacionais de judo en categoría junior que o levaron a participar no campionto de Europa celebrado en Varsovia.
Ademais, na gala, que será o peche ós actos preparados pola Fundación para a XX Festa do Deporte, entregaranse diferentes mencións especiais. Entre as máis destacadas, a de Caixanova como mellor empresa patrocinadora, o Remo Vilaxoán como mellor club do ano, e como non, entregaráselle unha honra extraordinaria a Antón Paz pola medalla de ouro que colleitou nos Xogos Olímpicos de Pekín.
Redacción Salnés