O Extrugasa volve ó traballo coa vista posta no Ensino

extrugasa250_291209.jpgSALNÉS> O conxunto vilagarcián volta hoxe ós adestramentos despois duns merecidos días de descanso. Trala última victoria agónica na casa ante o Caja Rural Zamora agora tócalles afrontar un encontro se cadra máis duro: visitan ó líder Ensino.

Despois de dez días de descanso o Extrugasa retoma hoxe os adestramentos. A intención era facelo onte pero Tito Díaz decidíu atrasalo debido á falta de efectivos. A maioría das xogadoras desprazáronse fóra para visitar ás súas familias, casos de Saray Ruiz que viaxou a Mallorca ou a búlgara Todorova que aínda volveu onte de Sofía. A americana Christina Quaye ten prevista a súa chegada esta noite despois de retrasarse o seu vóo que a tiña que levar de Chicago a Madrid.

Con todo Tito Díaz decidíu que o mellor é tomalo con calma e deixar descansar a unhas xogadoras que precisan estar frescas para o segundo tramo de temporada. Hoxe ás seis será a primeira toma de contacto, e para mañá xa lles agarda unha dobre sesión, de mañá e tarde. Tamén adestrarán o día 31 en horario matutino e é probable o fagan en Aninovo.

E é que aínda que Díaz non as quere cargar en demasía sí sabe da importancia do choque que afrontan o domingo que ven ás 12:30 ante o líder Ensino. As lucenses tan só perderon un dos doce partidos que disputaron e fixérono na casa. O único que foi quen de superar ó conxunto de Manel Sánchez foi o Uni CajaCanarias; e dende aquela suman oito victoria seguidas.

Non ten moito que envexarlle un Extrugasa que chega á cita terceiro e tan só cunha victoria menos. Pero será se cadra unha proba importante para ver o nivel do equipo vilagarcián fóra da casa, xa que ata o de agora a tódolos rivais directos que gañou fíxoo en Fontecarmoa.

Se quere vencer o sábado terano que facer coas mesmas armas coas levan competindo dende setembro, unha vez semella que non vai chegar ese reforzo para o perímetro demandado por Díaz.

Redacción Salnés