Detido o presunto autor de doce hurtos en comercios da Illa e Vilanova

    roubos_illa100.jpgA ILLA> O suposto ladrón aproveitaba a noite e a falta de dotación policial nestes concellos para entrar nos establecementos e levar cartos ou obxectos…

    … de pouco valor. As consecuencias económicas non foron graves pero os feitos teñen amedrentados ós comerciantes.

    O modus operandi era sempre o mesmo. O ladrón forzaba ás portas de establecementos con poucas medidas de seguridade, durante a noite, para introducirse no seu interior. O seu botín habitual eran as caixas rexistradoras ás que saqueaba, para levar a recadación, moitas veces sen éxito.

    O bar Antoxo, situado na Illa de Arousa, foi a última vítima deste ladrón. O suposto autor dos feitos entrou no establecemento durante a madrugada do martes, despois de romper o cristal dunha fiestra e rebentar a porta de entrada. A sinal da alarma de seguridade espantou ao delincuente, que abandonou o bar coa caixa rexistradora baixo o brazo. A propietaria valora, estes días, o custo de arranxar os danos provocados por este roubo.

    Os comerciantes están satisfeitos coa detención do presunto autor dos feitos. Aínda que as perdas económicas destes roubos, son pouco relevantes, os vendedores confésanse asustados e piden máis presenza policial na zona. 

    A falta de dotación policial durante a noite, na Illa de Arousa, animou ao ladrón a cometer outros delitos, durante a pasada fin de semana. O comercio de roupa 711 sufriu dous roubos, nas madrugadas do sábado e do luns. Aínda que, polo de agora, non se coñece o valor das perdas.

    Quen si valorou xa as consecuencias de que tentaran roubar no seu local foi Carmen Cousido, carniceira da Illa de Arousa. O ladrón tentou entrar no seu negocio na madrugada do domingo pero un veciño espantou ao delincuente. O suposto ladrón rompeu un dos cristais da porta de entrada, antes de fuxir do lugar. Amais destes sucesos, o presunto delincuente tiña acometido unha ducia de roubos en Vilanova, onde residía ata hai uns días.

    A INVESTIGACIÓN SEGUE ABERTA 

    A Garda Civil mantén aberta a investigación polo que non descarta o esclarecemento de máis roubos, tampouco se descartan futuras detencións. O detido, natural da Illa, será posto a disposición do Xulgado de Instrución número tres de Vilagarcía. O detido, José Carlos B S, era máis coñecido co alcume de “O Compañeiro”, entre os veciños da zona.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/110309_roubos_na_illa.flv{/flowplayer}