CATOIRA> Os ex traballadores de Cedonosa ameazan con plantarse de novo diante da fábrica se non se axiliza o pago das indemnizacións.
Xa o fixeron o pasado luns para reclamar os certificados de empresa e de liquidación que necesitan para poder cobrar o paro. Ese mesmo día déronlles a documentación, pero o persoal segue moi molesto porque non cobraron inda as nóminas do mes de febreiro e dos seis días que lles corresponden de marzo.
Traballadores e sindicatos tiveron onte unha asemblea na fábrica e acordaron solicitar unha reunión cos tres administradores xudiciais da firma. Hoxe dixéronlles que podería ser entre esta e a semana que vén, pero desconfían que lles estean a dar largas. De non celebrarse esa xuntanza, o persoal está disposto a cortar o acceso á nave, o que interrompería o tráfico dos camións que se están a levar os últimos materiais almacenados en Cedonosa.
Traballadores e sindicatos queren saber cando cobrarán as nóminas de febreiro e marzo. Tamén lles exporán que algúns obreiros recibiron certificados de importes económicos que non cobraron e reclamarán que se arranxen erros detectados nalgúns certificados de empresa.
A actividade de Cedonosa en Catoira cesou o pasado venres pero durante os vindeiros días seguirá distribuíndo material.
Redacción Salnés