MEAÑO> Lourdes Ucha non será a candidata do Partido Popular en Meaño nas eleccións de maio de 2019. Así o anunciou a aínda alcaldesa o pasado sábado, nunha rolda de prensa acompañada do seu presidente provincial, Alfonso Rueda. A rexedora atribuíu a súa decisión a motivos persoais e profesionais, e asegurou que a decisión supón a súa retirada da política.
Así anunciou Lourdes Ucha que non optará á reelección nos comicios municipais de maio de 2019. Ucha accedera á alcaldía no 2012, tralo falecemento do seu antecesor, Jorge Domínguez. No 2015 conseguiu manter o cargo, aínda que a piques estivo de perder a maioría absoluta. Agora, asegura que a súa retirada se debe a motivos persoais.
Na súa comparecencia, a alcaldesa estivo acompañada do presidente do PP provincial. Alfonso Rueda negou que o seu candidato vaia chegar doutra formación que non sexa a do Partido Popular. E é que nos últimos meses falouse dunha posible alianza co candidato independente, José Aspérez.
Rueda anunciou que agora porán en marcha un proceso para escoitar a todos os membros do Partido Popular de Meaño na procura do mellor candidato posible para defender a alcaldía na vindeira cita coas urnas.