Os edís socialistas de Noia asumen as áreas que viña xestionando o BNG

cambiogobernonoia_100_160309.jpgNOIA> O alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, presentou o novo organigrama do executivo tras a marcha dos tres concelleiros nacionalistas.

{flowplayer}barbanza/cambiogobernonoia.flv{/flowplayer}

Os concelleiros socialistas que integran o actual goberno de Noia verán incrementada de forma notable a súa carga de traballo habitual, xa que deberán asumir as delegacións que quedaron vacantes tras a marcha dos concelleiros nacionalistas que formaban o bipartito de Noia.

Segundo explicou o rexedor noiés trátase dunha remodelación inicial necesaria para cubrir o baleiro de competencias pero que non é especialmente profunda porque, ao seu entender, os departamentos que dirixÍan os nacionalistas non presentaban, en liñas xerais, grandes eivas no seu funcionamento.

Así, o organigrama do novo goberno de Noia queda do seguinte xeito: O alcalde será responsable das áreas de seguridade cidadá, policía local e casco histórico. Un dos cambios máis significativos será que os proxectos urbanísticos importantes deberán ser aprobados en Xunta de Goberno.

Rosana Mariño asumirá as competencias de Lola Caramés en benestar, muller e igualdade e a área de cultura será incorporada a concelleria de festexos, dirixida por Xosé Manuel Canabal.

Alicia Pombo será a encargada de xestionar os departamentos de medio rural, deportes e turismo e Xosé Rodríguez Agulleiro, responsable de obras ata o momento, sumará as responsabilidades de medio ambiente. Por último, Rosalino García, edil de Facenda, xestionará ademáis comercio e industria, anteriormente en mans de Bieito González.

Dedicacións exclusivas

O mandatario noiés informou que a tenencia de alcalde será asumida de forma alternativa e rotatoria polos cinco edis socialistas seguindo o seu número na lista da candidatura. Onde non haberá cambios será no réxime de dedicacións exclusivas que seguirán recaendo no alcalde, e nos edis Rodríguez Agulleiro e Rosana Mariño.

Redacción Barbanza