![]()
RIBEIRA> O BNG propón a demolición das actuais instalacións do mercado municipal para construír un novo recinto na mesma ubicación.
{flowplayer}barbanza/bngmercado.flv{/flowplayer}
Con esta proposta formulada polo grupo nacionalista salvaríase o principal escollo que ata o momento impediu a construción dun novo mercado: a súa ubicación.
O lugar onde se empraza a actual praza de abastos é, segundo a formación frentista, o máis idóneo para acoller este tipo de instalacións. Por elo, apostan pola demolición do actual edificio e a construción dun novo recinto no seu lugar, adaptado ós novos tempos e dotado de tódolos servizos para que os praceiros poidan desenvolver o seu traballo nunhas instalacións dignas.
Dende o BNG propoñen ademais a construción dun aparcadoiro subterráneo co fin deixar os exteriores do edificio libres para destinalos a zona verde.
Titularidade pública
A este respecto, os nacionalistas aclararon que o solar onde se asenta a praza de abastos é público, saíndo ó paso dun rumor que circulaba sobre a suposta titularidade privada do terreo. Para corroboralo, a voceira nacionalista presentou a escritura do inmoble, adquirido polo concello no ano 1913.
A iniciativa será debatida no pleno do próximo luns. Dende o BNG agardan que o resto da corporación apoie a súa proposta para poder dotar por fin a Ribeira dun mercado en condicións xa que na actualidade as instalacións están moi deterioradas.
A este respecto, os edís nacionalistas criticaron a falta de acción do grupo de goberno que en 2007 presentou un proxecto para o mercado, e dous anos despois non foi quen de sacalo adiante.
Redacción Barbanza











