Catro usuarios e un traballador de Amicos dan positivo polo COVID-19

BOIRO> Dous dos usuarios permanecen illados no propio centro residencial de Comoxo, e os outros dous, os máis graves, foron trasladados a un centro hospitalario. O empregado da entidade que tamén deu positivo está na casa e o seu estado é favorable.
O estado de alarma declarado o pasado 14 de marzo obrigou a Amicos a modificar as súas dinámicas de traballo e adaptar os seus servizos e recursos, coa finalidade de garantir así o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de diversidade funcional. Dende un primeiro momento decidiuse suspender a atención presencial e reforzouse a xestión telemática. Pero a pesar diso a situación veuse agravada coa aparición de varios contaxios. Na actualidade son cinco positivos. Catro usuarios e un traballador. O caso é especialmente grave en dous dos usuarios que tiveron que ser trasladados a un centro hospitalario dadas as súas necesidades de atención. Os outros dous permanecen no centro residencias de Comoxo, aínda que illados. O outro positivo é un dos empregados da entidade, que se atopa baixo seguimentol médico no seu domicilio, aínda que o seu estado é favorable.

Amicos atende na actualidade a unhas 140 persoas con necesidades especiais, ó redor duns corenta menores e cen adultos. A maioría dos usuarios presentan unha alta vulnerabilidade fronte a unha situacións de crise coma a que estamos a vivir, polo que é preciso adaptar os métodos de seguimento e atención especiais.

Como defenden, a discapacidade non pode ser un motivo de discriminación, e máis nun momento como actual, no que máis que nunca é necesario que os protocolos sanitarios se adapten tamén ás súas necesidades.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí