Roberto Fernández Lores dimite como concelleiro do BNG en Sanxenxo

    bng_sanxenxo_100_310309.jpgSANXENXO> O ata hoxe voceiro do BNG asegura que se trata dunha decisión meditada que xa viña barallando desde as eleccións municipais do 2007.

    {flowplayer}images/salnes/310309_bng_sanxenxo.flv{/flowplayer}

    Roberto Fernández Lores facía así pública unha decisión que viña meditando desde o pasado 27 de maio de 2007, data na que os populares de Sanxenxo se facían coa alcaldía da vila mentres que o BNG, segunda forza máis votada, perdía 600 votos. Lores asegura que non renunciou entón para que o BNG mantivese unha imaxe de fortaleza, pero agora, a metade da lexislatura, decidiu que era o momento axeitado.

    Lores aproveitou para botar unha vez máis contra o goberno local ó afirmar que os populares non están dando a talla como rexedores deste concello. Amósase convencido de que o BNG, como segunda forza política, ten posibilidades de facerse coa alcaldía de Sanxenxo, por iso cede o seu posto de cara a unha renovación da candidatura nas vindeiras municipais.

    A praza de concelleiro deixada por Fernández Lores será ocupada por Albino Caneda González, militante no partido desde hai trinta anos e na actualidade vicerresponsable local do BNG. De acordo coa lista electoral, corresponderíalle a José Ricardo Domínguez, número 5, cubrir esta vacante. Por motivos persoais non lle é posible e, para manter a paridade, a número 6, Rita Gómez, cedeulle o seu posto a Albino Caneda. Tamén cambiará o voceiro. De agora en diante David Otero asumirá esta responsabilidade. Otero agradeceu a Lores o traballo prestado durante estes anos e aínda que respecta a súa decisión, non considera que os resultados electorais do 2007 foran un fracaso.

    Desde o BNG de Sanxenxo aseguran que agora comeza unha nova etapa na que traballarán con empeño para chegar reforzados ós vindeiros comicios locais, unha etapa na que agardan seguir contando coa experiencia e apoio de Roberto Fernández Lores.

    Redacción Salnés