A maioría dos visitantes á XIV Festa da Lamprea elixiron o menú máis barato

    festa_lamprea_100.jpgPONTECESURES> O profesor de Universidade e biólogo, Fernando Cobo, foi o encargado da lectura do pregón inaugural da Festa da Lamprea.

    Eran as 12 do mediodía deste domingo cando chegaron as autoridades ao Concello de Pontecesures, para dar comezo, dun xeito oficial, á décimo cuarta edición da Festa da Lamprea. A alcaldesa do municipio, María Isabel Castro Barreiro, fixo de anfitrioa e recibiu no concello ás autoridades que asistiron ao evento, entre elas o vicepresidente da Deputación, José Juan Durán, o empresario e presidente de Extrugasa, Andrés Quintá, e o biólogo e profesor universitario, Fernando Cobo, que foi o encargado de ler o pregón inaugural.

    Trala recepción oficial, a primeira edil de Pontecesures acompañou ás autoridades a un percorrido polas cociñas onde os cociñeiros preparaban a lamprea que logo se serviría aos asistentes a esta festa. Tanto o vicepresidente da Deputación como o pregoeiro, interesáronse por coñecer as receitas máis tradicionais deste peixe. A unha e media da tarde comezou oficialmente a festa da Lamprea, coa lectura do pregón. O profesor encargado de ler o texto inaugural destacou as excelencias deste peixe que conta con mala fama pero que é unha das especies máis antigas, do planeta. 

    A CRISE AFECTOU Á FESTA 

    Tralo pregón inaugurouse a festa gastronómica na que se serviron racións e pinchos deste peixe. A organización salientou as altas cifras de participación no evento aínda que non se venderon as 1.000 racións, que se prepararon para os visitantes. A organización confirma que se consumiron algo máis de 900 racións, unha cifra inferior á doutros anos. A crise económica podería ter influído nesta festa, xa que foron moitos os visitantes que optaron pola versión máis barata deste menú. O consumo de pinchos aumentou nesta edición, xa que o seu prezo é 10 euros inferior á das racións.

    As lampreas vivas que nadaban nos acuarios captaron, case tanta expectación como as cociñadas; sobre todo, entre os máis pequenos. A actuación do grupo Xarandeira e da charanga Santiaguiño, amenizaron esta festa gastronómica.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/060409_festa_lamprea.flv{/flowplayer}