Vilagarcía será protagonista principal na Volta a Galicia

ciclismo250_070409.jpgVILAGARCÍA> A VIII Volta Ciclista a Galicia terá saída e chegada en Vilagarcía. Esta mañá foi presentada oficialmente no Auditorio Municipal onde se deron cita unha ampla representación de autoridades e persoeiros do mundo do deporte.

O Auditioro de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación oficial da VIII Volta Ciclista a Galicia, un acto no que estiveron presentes o Presidente da Federación Galega, Sabino Cortizo, o ciclista do Xacobeo, Gustavo César Veloso e as alcaldesas de Vilagarcía e Cuntis, entre outros.

A proba dará comezo o mércores día 15 e finalizará o 19. O seu punto de saída e chegada será Vilagarcía. 133 ciclistas de 19 equipos tomarán parte nesta competición para categoría elite sub-23, a antesala do profesionalismo. Entre os galegos destaca a presencia do Supermercados Froiz, o Aluminios Cortizo e o Club Ciclista Cambre, que contará nas súas filas co campión do mundo de triatlon Javier Gómez Noya. Ademais, chegarán equipos de toda España, haberá dous conxuntos portugueses e un ruso, o Lokomotiv.

O percorrido deste ano caracteríazase pola súa dureza. Serán cinco etapas entre as que destacará a segunda, entre A Coruña e Porto do Son, con subida final ó Alto da Enxa: 7 kilómetros de ascensión cun 7% de desnivel medio e rampas de ata o 15%.

A última etapa, a do domingo 19, sairá dende Porriño e chegará a Vilagarcía, onde se coñecerá o gañador final da Volta.

Redacción Salnés