Máis de 600 pombas mensaxeiras terán Ribadumia como destino

RIBADUMIA> A colombofilia faise forte en Ribadumia. Para os que o descoñezan, este é o nome que leva a afección á cría, adestramento e coidado das pombas mensaxeiras. O concello saliniense será o epicentro da segunda edición do Derby Rías Baixas, un campionato internacional no que participarán máis de 600 pombas.

Existe un termo para referirse á afección pola cría, adestramento e coidado de pombas mensaxeiras. É a colombofilia, e dende o ano pasado os seus seguidores teñen en Ribadumia un punto de referencia. No 2018 nacía na parroquia de Sisán o Derby Rías Baixas.

Guillermo Barallo e Roberto Cores están detrás deste exitoso proxecto, que xa no ano do seu nacemento deu un paso máis: organizar un campionato internacional de pombas mensaxeiras. A primeira edición foi todo un éxito. A proposta atraeu a preto dun centenar de participantes con case 650 pombas.

Neste 2019, os pichóns comezarán os adestramentos preto da súa casa en Sisán para despois ir alonxándose e poñendo a proba as súas capacidades. A final será o 21 de setembro na vila segoviana de Villacastín. A pomba gañadora será a que máis rápido percorra os 410 quilómetros que a separarán de Ribadumia.

O ano pasado, o pichón máis rápido cubriu o percorrido en cinco horas e corenta e cinco minutos. Unha boa marca que xa se verá se este ano atopa rival.

Comments are closed.