Todo listo para o espectáculo da Vilagarcía Basket Cup

basket250_080409.jpgVILAGARCÍA> Mañá dará comezo en Fexdega a Vilagarcía Basket Cup. Por primeira vez na súa historia trátase dun torneo de seleccións sub-18 que reunirá ó mellorc de Europa, Oceanía e África. Na véspera do torneo, os equipos tiveron a última toma de contacto coa pista de Fexdega.

Chega a XIV edición do torneo que para moitos é o mellor do continente para categorías base. Por primeira vez a Basket Cup cambia o seu formato e pasa a ser de seleccións nacionais, sub-18. Manterase así durante os anos impares e voltará ó formato de clubes nos pares.

A Basket Cup terá este ano como padriño ó manda máis do baloncesto nacional, o presidente da Federación Española de Baloncesto, José Luís Sáez.

Vólvense a reunir oito conxuntos, o mellor de cada continente, agás do americano: Rusia, Italia, República Checa, Alemania, Francia e España, por Eruopa, Angola (África) e Nova Zelanda (Oceanía). Todos eles xa están aquí e hoxe repartíronse as horas en Fexdega para tomar contacto coa pista na que mañá debutan. 

A selección española, comandada polos ex-xogadores, Juan Antonio Orenga e Manolo Aller, adestrouse onte en dobre sesión no pavillón do Pombal (Cambados) e tamén o fixo esta mañá en Fexdega.

O encontro inaugural será o que enfronte a checos con neozelandeses, a partires das 12:00. Angola-Rusia, ás 16:00, Francia-Italia, ás 18:00 e España Alemania, o prato forte ás 20:00, completarán a primeira xornada.

Todos buscarán dúas prazas que lles den acceso á final do domingo.

Vixiándolles dende a grada, os scouting estadounidenses, olladores da NBA que como cada ano desprázanse ata Vilagarcía á caza de talentos. Xunto a eles, millerios de afeccionados. Este ano amplíanse as bancadas e o aforo no Vilagarcía Arena será maior.

Tamén batirase record de participación na Vilagarcía Basket Base, o torneo paralelo para os máis novos, que reunirá a case 2.000 rapaces de 150 equipos de España e Portugal.

Redacción Salnés