Echegoyen cólgase o ouro no Europeo de Match Race

SALNÉS> A regatista do Liceo Casino de Vilagarcía, Támara Echegoyen, ven de proclamarse en Helsinki campiona de Europa de Match Race. Coa axuda das súas compañeiras Ángela Pumariega e Sofía Toro, a pontevedresa foi quen de vencer na final ó barco ruso comandado por Ekaterina Skudina.

O Liceo Casino volve a estar de noraboa. Unha das súas máis destacadas regatistas, a pontevedresa Támara Echegoyen, ven de proclamarse campiona de Europa de Match Race, nunha competición que tivo lugar estes días en Helsinki.

Na capital finesa dábanse cita as mellores tripulacións do continente nesta clase, que será olímpica en Londres. As actuais campionas de España, Echegoyen, a tamén galega Sofía Toro e a asturiana Ángela Pumariega, non defraudaron. Conseguiron meterse na final ante a gran favorita e defensora do título, a rusa Ekaterina Skudina, que sucumbíu ante as españolas por 3-1.

Os ventos lixeiros condicionaron as regatas, que se decidiron por pequenos detalles. A maior tranquilidade da patrona pontevedresa á hora de levar o barco déullela victoria. A holandesa Mulder levouse o bronce logo de impoñerse na final de consolación ó outro barco español, o comandado por Silvia Roca.

Trala victoria este ano en Vilagarcía no Campionato de España e o título de campionas iberoamericanas Támara e o seu equipo siguen engordando o seu palmarés, sempre coa vista posta en no Mundial de Perth, que se celebra en decembro, paso previo para acadar unha praza para Londres 2012.

Redacción Salnés