Infoinvest impulsa un plan para reactivar o polígono de Abalo

    poligono_abalo100.jpgCATOIRA> Infoinvest e SEA, responsables da xestión do parque de Abalo, están dispostas a construír naves para aluguer ou compra.

    {flowplayer}images/salnes/POLIGONO_ABALO.flv{/flowplayer}

    CATOIRA> O parque empresarial de Abalo en Catoira inaugurábase en 2007, pero tres anos despois o único que se asentou nestes terreos foron as xestas. A crise económica botou para atrás a instalación de empresas nesta área industrial, e iso que xa estaba adxudicado o 50 por cento das parcelas e había demanda para a outra metade.

    Agora as empresas Infoinvest e SEA, responsables da xestión do parque de Abalo, están dispostas a adquirir as parcelas e construír nelas naves modulares, partindo dun módulo de 400m2. Os responsables de Infoinvest e SEA presentaron esta mañá o proxecto no Concello do Catoira, na reunión que mantiveron co alcalde e representantes de FECA, a Federación Comarcal de Empresarios de Arousa. Iniciativas coma esta xa as levaron a cabo noutras comunidades, como Asturias ou Cantabria. A diferenza aquí é a flexibilidade na fórmula de financiamento.

    Polo de pronto consultarán coas empresas que no seu momento estiveron interesadas en asentarse no parque e irán construíndo baixo demanda. A idea é facer xa unhas primeiras naves, que sirvan de escaparate e poder ocupar todo o parque. Así o espera o alcalde, que foi quen iniciou as xestións en Madrid para que isto fose posible.

    Pola súa banda, os representantes de FECA aplaudiron esta medida ó tempo que defenderon os polígonos como un bo xeito de relanzar o emprego, máxime cando nos atopamos nunha crise económica que, ó seu parecer, vai en caída libre. O plan tamén foi presentado hoxe ó presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Feito isto, os responsables da xestión do polígono irán a Madrid a buscar financiamento.

    Redacción Salnés