CAMBADOS> Xa está de volta unha das citas máis agardadas do calendario do Salnés e case que de toda Galicia. Os Xoves de Códax volven apostar pola súa maridaxe gañadora: música, viño e solpores dende a terraza da adega Martín Códax, en Cambados. Onte as artistas Antía Muíño e Las Migas foron as protagonistas do segundo concerto do ciclo, que xa colgou o cartel de completo nesta edición. A recadación destinarase a Cruz Vermella.
A música, o viño e os solpores do Salnés volven ser receita do éxito garantido. Xa están en marcha Os Xoves de Códax.
O de onte foi o segundo concerto da décima edición deste ciclo. Antía Muíños subiu ao escenario acompañada polo cuarteto Las Migas.
E é que esta maridaxe entre estilos musicais ben diferentes é gran parte do encanto que fai diferente á proposta dos Xoves de Códax. Sobre o escenario desta terraza da adega Martín Códax demostran que poden combinar á perfección.
Se hai algo máis que demostrado nestes dez anos de historia é que Xoves de Códax é sinónimo de cheo absoluto nesta privilexiada terraza.
Unha aposta da adega cambadesa que ten como guinda o seu carácter solidario. Nas nove edicións celebradas ata o de agora, Os Xoves de Códax recadaron máis de 185.000 euros que se repartiron entre diferentes asociacións solidarias. A recadación deste último concertó destínase a Cruz Vermella.