Fernández Toxo: ‘A maioría dos contratos temporais son fraudulentos’

    asemblea_ccoo_100_240409.jpgPONTEVEDRA> O Secretario Xeral Confederal de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, denunca a precariedade laboral durante unha Asemblea de Delegados.

    {flowplayer}images/salnes/240409_ASEMBLEAS_CCOO.flv{/flowplayer}

    Comisións Obreiras considera que a economía española se atopa nunha situación de gravidade extrema. Para este sindicato, as medidas que ten tomado ata agora o goberno de José Luís Rodríguez Zapatero non están sendo eficaces para frear o deterioro económico e a destrución de emprego. É por isto que propoñen un pacto económico social que mobilice os recursos dispoñibles para incentivar a actividade empresarial, aumentar a capacidade adquisitiva dos consumidores e protexer ós desempregados. Este respaldo ós traballadores é o que máis preocupa a Comisións Obreiras. Por iso, o Secretario Xeral Confederal, Ignacio Fernández Toxo, rexeita o novo modelo de contrato proposto pola CEOE, a Confederación Española de Organizacións Empresariais, que contempla, entre outros aspectos, o abaratamento do despido.

    Na reunión celebrada en Pontevedra estiveron presentes varios traballadores do parque de Bombeiros da cidade, que veñen denunciando unha situación de precariedade laboral. Os delegados de Comisións Obreiras manifestáronlle o seu apoio e reclamaron ó concello que se sente a negociar con este colectivo. Ó tempo que tiña lugar esta asemblea en Pontevedra, membros deste sindicato na comarca do Salnés tamén se reunían en Vilagarcía para avaliar os efectos que a crise está a causar nas empresas da zona. Durante a xuntanza, os participantes aproveitaron para preparar a manifestación do primeiro de maio, que terá lugar o vindeiro venres ás doce da mañá na praza de Ravella.

    Redacción Salnés