Tres mortos e un desaparecido no naufraxio dun cerqueiro con base en Portonovo

    AROUSA> Unha nova traxedia no mar volveu sacudir Arousa. O cerqueiro Sin Querer Dous, con base en Portonovo, afundía este mércores a catro millas e media ó sur de Fisterra na zona dos baixos de Meixide.

    Preto das dúas da tarde, Salvamento Marítimo recibía a alerta da radiobaliza e activaba de inmediato o protocolo de emerxencia. Ata a zona desprazouse a Salvamar Regulus que rescatou o cadáver de dous tripulantes e o Helimer que recuperou o corpo do outro falecido. Seis tripulantes puideron ser rescatados con vida por dous pesqueiros que se atopan nas inmediacións e foron trasladados ós portos de Muros e Fisterra.

    A nova causou unha gran consternación en Cambados de onde eran os tres falecidos, entre eles o patrón da embarcación, e o desaparecido.

    As escenas de dor sucedéronse no porto de Porto do Son, onde se instalou un centro de recepción de familiares. Alí chegaron os cadáveres recuperados pola Salvamar Regulus que tras ser recoñecidos polos familiares foron trasladados ó Hospital Clínico de Santiago para practicarlles a autopsia.