VILAGARCÍA> A manifestación do primeiro de maio sairá ás doce da mañá da praza de Ravella e rematará na praza de Galicia.
{flowplayer}images/salnes/280409_ccoo_primeiro_maio.flv{/flowplayer}
Actualmente hai en España preto de catro millóns de parados. Deles, case un millón deixaron de percibir a prestación por desemprego. Segundo Comisións Obreiras, a actual situación económica non só está a provocar unha perda masiva de postos de traballo, senón tamén un empobrecemento das condicións laborais. Este sindicato asegura que moitas empresas se están a amparar na crise para non renovar os contratos dos traballadores eventuais e despedir ós fixo con indemnizacións mínimas.
Para Fernando Ramos, da Unión Comarcal de CCOO, a situación de colapso das empresas ten a súa explicación na falta de liquidez. Reducir os salarios non é a solución, xa que os traballadores non son só produtores de riqueza, senón tamén consumidores. Se cada vez hai máis persoas sen retribución económica o ciclo de consumo colápsase, afectando á viabilidade das empresas.
Para cambiar esta situación, os sindicatos animan a tódolos traballadores a saír á rúa este venres.
En Vilagarcía, a mobilización do primeiro de maio está convocada de xeito conxunto por CCOO e UXT. Segundo Fernando Ramos, a CIG optou en toda Galicia por organizar as súas propias manifestacións. Desde Comisións Obreiras rexeitan valorar esta opción para evitar entrar en polémicas, e animan a tódolos traballadores, con independencia da súa afiliación social, a unirse á mobilización, que sairá o venres ás doce da mañá da praza de Ravella para rematar na praza de Galicia.
Redacción Salnés