PSOE e PP apoian a modificación do PERI do porto de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > A aprobación inicial da modificación do PERI do porto de Vilagarcía centrou o debate do pleno do xoves. Finalmente saíu adiante cos votos de PSOE e PP que defenden as infraestructuras recollidas no Plan Director do porto. O documento urbanístico recibiu os votos en contra do BNG, IVIL e Esquerda Unida.

    O pleno de Vilagarcía aprobou o xoves inicialmente a modificación do Plan de Reforma Interior do Porto, cos apoio do PSOE e PP. En contra votaron BNG, IVIL e Esquerda Unida. Socialistas e populares avalaron o seu voto cos informes favorables dos técnicos municipais para incluír as infraestructuras sinaladas no Plan Director do Porto.

     

    O portavoz do BNG, Xosé Castro Ratón, criticou precisamente este Plan Director. Ademais de estar en contra de que se consolide a modificación para instalar o McDonalds, Ratón lembrou que no plan director se recollen novos recheos e o paso do tren polo casco urbano, pasando entre a TIR, o Auditorio e as oficinas de Facenda.

     

    IVIL ratificouse nas súas alegacións presentadas ó PERI. Unha das principais discrepancias segue a ser a modificación realizada para instalar o McDonalds. Pola súa banda, Juan Fajardo, de Esquerda Unida, manifestouse en contra dos recheos, que considera agresivos para a ría de Arousa e entende que o PERI do porto promove un modelo industrial para que empresas privadas teña solo barato a costa da ría.

     

    O alcalde Javier Gago defendeu esta modificación porque nela se fala de terreos novos do porto e porque reflexa o auditorio e o parque Miguel Hernández. Lembrou que gracias á negociación entre Porto e Concello se conseguiu afastar as naves industriais da zona do Cavadelo, onde se instalará o Centro de Tecnificación de Vela e nun futuro o peirao do Ramal será só para barcos de cruceiro.

     

    Na sesión de onte, o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se pide á Xunta a dotación de máis medios ó Xulgado para abordar a violencia de xénero.

     

    Os actos de vandalismo tamén se abordaron nesta sesión a través dunha interpelación do PP. Para responder o alcalde expresou as conclusións da Xunta Local de Seguridade que considera Vilagarcía como unha cidade tranquila e segura.

    Redacción Salnés