O Albariño xa ten novos valedores do Capítulo Serenísimo

CAMBADOS> A Festa do Albariño despediu o domingo a súa edición número 66. Fíxoo por todo o alto cunha xornada que arrincaba ao mediodía no Auditorio da Xuventude de Cambados. Dende alí, ás 12 e media partía o tradicional desfile das autoridades e das máis de 40 confrarías de España e Portugal que acudiron, un ano máis, á celebración do Capítulo Serenísimo.

Pouco despois, a comitiva facía a súa entrada no patio de armas do Pazo de Fefiñáns.

E dentro desta festa, o nomeamento dos Cabaleiros e Donas do Capítulo Serenísimo é un dos momentos que máis atención atrae. Nesta edición prestaron xuramento o presentador Roberto Vilar, os empresarios José Faro e José Luis Bonet, o presidente de Paco y Lola, Carlos Carrión, e a escritora Premio Príncipe de Asturias, Nélida Piñón.

Todos eles, xunto aos Albariñenses de Honra, Xóvenes Albariñenses e Follas de Prata, recibiron o encargo de difundir e defender as virtudes do viño albariño, tal e como recordou o mestre supremo do Capítulo e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Para Núñez Feijóo, o albariño xa é un dos símbolos de Galicia. Describiuno como un dos mellores antídotos naturais contra a morriña, e destacou a súa virtude universal. De aí a súa confianza en que a Festa consiga a consideración de Interese Turístico Nacional.

En todo este tempo, o sector medrou ata consolidarse como un importante motor económico para Galicia. Por iso o presidente da Xunta destacou o seu enorme potencial no sector agroalimentario.

Neste potencial tamén confía a Denominación de Orixe Rías Baixas. Así as cousas, dende o Consello Regulador non ocultan a súa preocupación polas dimensións que está a adquirir a Festa do Albariño nos últimos tempos. Precisamente para intentar reconducir a situación, O Consello decidiu limitar este ano o horario das casetas do Paseo da Calzada ata as 3 da madrugada.

Tamén reclamou decisións Juan Gil para o futuro da DO. Para o presidente, o camiño percorrido nos 30 anos de historia de Rías Baixas ten que ser un aliciente para seguir mellorando, de aí que o sector deba estudar as estratexias para afrontar un futuro que chega con varios retos.

Sobre a posible liberalización total do viñedo, Gil non ocultou a súa preocupación, e reclamou máis poder para Galicia para lexislar nesta materia.

A pesares destes retos, Juan Gil recordou que o viño certificado polo Consello Regulador continúa a medrar ano tras ano, e amosouse optimista coa vendima deste 2018. O sector confía en que a uva recollida permita atender as demandas dos mercados dos 71 países nos que Rías Baixas está presente.