A Carballeira de Barrantes estará totalmente renovada en 2010

    carballeira_barrantes100_060509.jpgRIBADUMIA> O Goberno local presentará mañá en pleno o proxecto e o prego de cláusulas para concluír a remodelación integral da Carballeira de Barrantes.

    Esta terceira e última fase conta cun orzamento de 225 mil euros e inclúe o axardinamento e a instalación de pérgolas de sombra nos laterais. A remodelación integral deste espazo iniciouse hai un ano co obxectivo de crear no centro urbano unha praza multiusos. Para esta actuación aproveitouse o desnivel actual do terreo para crear unha praza, un anfiteatro e un parque infantil.

    Agora preténdese plantar céspede, árbores, arbustos e ata 35 tipos diferentes de plantas florais para crear espazos verdes e de recreo. Nesta última fase inclúese ademais a instalación de varandas de pedra, a canalización do saneamento, a reposición de escaleiras e muros de acompañamento e a instalación de mobiliario urbano, como farois, bancos e papeleiras.

    O prazo de execución do proxecto, unha vez sexa adxudicado, será de seis meses, polo que se calcula que o vindeiro ano a Carballeira de Barrantes amosará unha imaxe totalmente renovada. Ademais, unha vez rematadas as obras, o Concello, coa colaboración da Deputación, ampliará o parque infantil e instalará unha pista polideportiva.

    Redacción Salnés