As asociacións de nais e pais de nenos con necesidades especiais de Arousa presentarán esta semana unha denuncia ante o valedor do Pobo, tamén Defensor do Menor. A idea xa a tiñan perfilada pero esta mañá decidíronse trala reunión que mantiveron en Santiago cos representantes dos distintos grupos parlamentarios na oposición. Segundo nos explicou o presidente da coordinadora de ANPAS de Vilagarcía, Juan Carlos Ameijeiras, nas entrevistas os representantes do PSOE, Alternativa, BNG e Grupo Mixto amosáronse comprensivos coas súas reivindicacións e apoiaron as mesmas. Lembramos que estes pais denuncian que a nova normativa que regula o cheque libro, impídelles facer uso de gran parte da axuda económica porque os seus fillos, ó ter necesidades especiais, non empregan libros ou os mesmos libros que os nenos de escolarización xeral, os únicos nos que se permiten investir os cartos da subvención. Ademais de amosarlles apoio, os grupos da oposición informáronlles de que presentarán unha declaración conxunta ante o Parlamento en defensa das súas reivindicacións e cada formación tamén a nivel particular. Por certo que aproveitando a viaxe a Santiago intentaron entrevistarse tamén con representantes do Partido Popular pero rexeitaron a entrevista alegando que os responsables de educación estaban en Ourense acompañando ós Reis na visita a un centro educativo da localidade. Para a semana prometeron recibilos.
Inicio Salnés - Caldas








