A ILLA> As praias da Illa de Arousa teñen estes días uns vixilantes moi especiais. Son os alumnos do instituto da vila, que fan un seguimento do lixo que queda depositado nos areais. O seu traballo céntrase en coñecer cales son os principais puntos de acumulación de refugallos e cal é a súa orixe. Na iniciativa participan medio cento de alumnos, poñendo a súa ollada nuns 40 areais.
Os valores ambientais de lugares como este vense, moitas veces amezados pola acción humana. Un dos problemas máis graves que afecta ós areais é a presenza de refugallos. Na Illa, uns 50 alumnos do instituto da localidade participan nun programa europeo de seguimento de lixo mariño. Están encargados de supervisar case 40 areais do municipio insular.
As mostraxes incluíron a compilación de información sobre a localización, composición e tamaño do lixo. Entre eses refugallos atopados nos areais, o alumnado pon o foco nun: os paus de batea. Fixéronse cuns 4.000 exemplares.
Toda esa información remítese despois ó Intecmar para estudar as correntes de lixo mariño. Outro dos obxectivos da inciativa é a concienciación dos mozos na procura dunha redución do consumo de pláticos. Eles cóntanos que a conservación do mar é para eles fundamental, porque da súa saúde depende a súa vida.
Con todo, recoñecen estar sorprendidos pola gran cantidade e variedade de residuos que se acumulan nos areais.
O traballo deste grupo de alumnos foi recoñecido esta mañá pola Conselleira do Mar, encargada esta mañá de entregarlle os diplomas á rapazada. Para Rosa Quintana é fundamental trasladar á mocidade a importancia de coidar os ecosistemas mariños e da loita contra a contaminación mariña, polo futuro das nosas vilas mariñeiras e do noso planeta.