Os empresarios de O Son buscan apoios para construir o polígono

futuropoligonoson_100_12052009.jpgPORTO DO SON> A Asociación de Empresarios reiniciou os contactos co novo goberno da Xunta para retomar a execución deste ansiado proxecto.

Unha das principais demandas dos últimos anos, tanto do executivo como da Asociación de Empresarios de Porto do Son, pasa pola construción dun polígono industrial na localidade. Unha actuación, que a pesar das xestións xa realizadas co anterior executivo autonómico, segue sen materializarse.

Nas últimas semanas dende a patronal local iniciáronse de novo os contactos co novo goberno da Xunta coa finalidade de recada-los apoios necesarios por parte da Administración Galega que permitan a realización do ansiado parque empresarial.

{flowplayer}barbanza/futuropoligonoson.flv{/flowplayer}

Segundo nos confirmou o propio presidente da Asociación de Empresarios de Porto do Son, Luís Oujo, un dos primeiros pasos que pretende darse é a solicitude dunha entrevista cos novos responsable de Industria e Territorio e Infraestruturas, Javier Guerra e Agustín Hernández, respectivamente, ós que teñen previsto trasmitirlles as inquedanzas do empresariado e dos propios veciños do municipio respecto ó estado de tramitación no que se atopa actualmente o parque empresarial sonense.

Importante demanda empresarial

 Dende a patronal sonense esgrímese como unha das razóns principais para a construción do polígono industrial o estudo de viabilidade realizado polo propio concello e que veu a evidencia-la importante demanda de chan industrial existente. O propio Luís Oujo sinalou que existen varias empresas de Porto do Son interesadas en adquirir máis chan industrial e son moitas tamén as firmas de fóra do municipio que contactaron coa propia patronal local para amosa-lo seu interese no proxecto.

Para os membros da Asociación de Empresarios de Porto do son esta actuación que se levaría a cabo na zona de Cans, a parroquia de Nebra, debería levar emparellado a mellora das comunicacións na zona mediante a circunvalación de Portosín.

Redacción Barbanza