O C.B. O Meco organizou unha auténtica festa do baloncesto

meco250_260509.jpgGROVE> O Club Baloncesto O Meco organizou este domingo unha convivencia de minibasket na que participaron preto de 300 rapaces de categoría benxamín de toda a delegación arousá. Para iso habilitáronse catro pistas de baloncesto no pavillón de Monte da Vila. Ó redor do deporte, montouse unha auténtica festa.

O Club Baloncesto O Meco organizou este pasado domingo a súa case tradicional convivencia do minibasket, non en van esta foi a quinta edición dun evento que medra ano a ano.

O obxectivo era unha vez máis celebrar unha xornada chea de actividades lúdicas, divertimentos e por suposto baloncesto, para crear lazos de amizade entre os rapaces dos diferentes equipos da delegación arousá. Practicamente estiveron tódolos clubes.

Foron un total de 55 partidos os que se disputaron en Monte da Vila, sobre as catro pistas colocadas para a ocasión. Comezaron contra as 10:00 e extendéronse ata as 14:00. Como o fin era máis educativo que competitivo, pese a ser tódolos participantes de idade benxamín, dividíronlles en tres grupos: avanzado, intermedio e iniciación, para tentar igualar os encontros o máximo posible. Os partidos matinais deron paso á comida, tamén no pavillón.

Xa pola tarde, comezaron os xogos e a música, a cargo do Dj Javi Solla, que foi quen de facer bailar ó mesmo ritmo as case 700 persoas que se deron cita no polideportivo meco.

Os derradeiros partidos remataron contra as 20:00, hora na que foron entregadas as medallas ós diferentes equipos, cerimonia na que estivo presente o alcalde Xosé Antonio Cacabelos.

Precisamente grazas á colaboración do Concello e ó gran traballo realizado polos voluntarios do Baloncesto O Meco, todo saíu á perfección.

A diversión non faltou e o obxectivo de facer convivir os rapaces nun clima de amizade, acadouse sobradamente, deixando con gañas de repetir a tódolos presentes.

Redacción Salnés