VILAGARCÍA> No IES Bouza Brey de Vilagarcía, o baloncesto foi hoxe –literalmente- sobre rodas. Varios xogadores do Amfiv, un equipo vigués de baloncesto en cadeira de rodas, achegáronse hoxe ó centro para compartir cos rapaces a súa experiencia. Sobre a cancha, os mozos puideron comprobar en primeira persoa o gran esforzo físico ó que se enfrontan estes deportistas.
Reparen por uns intre nas imaxes que están a ver. Pensen no esforzo físico de practicar un deporte e a iso engádanlle que todo depende dos brazos. Hoxe, os alumnos do Ciclo de Técnicos Deportivos do IES Bouza Brey de Vilagarcía puideron vivir, en primeira persoa, esa experiencia. Ata o centro desprazáronse varios xogadores do Amfiv, un equipo vigués de baloncesto en cadeira de rodas da División de Honra, que a día de hoxe está loitando por entrar nos postos para xogar o play off polo título.
A xornada de deporte adaptado permitiu ós mozos entrar en contacto cunha realidade pouco coñecida entre a sociedade. A actividade serviu para mergullarse de cheo no mundo do baloncesto adaptado. Ademais de coñecer as súas regras básicas e o sistema de valoracións dos xogadores, en función das súas discapacidades, os mozos vilagarcián puideron sentir, na súa propia pel, o que se sente ó competir sobre unha cadeira de rodas. Varios xogadores do equipo vigués asistiron esta mañá á xornada deportiva. Segundo explican, este tipo de actos divulgativos son fundamentais para darlle visibilidade ós deportes adaptados.
O baloncesto en cadeira de rodas cada vez ten un maior número de licenzas en España. Aquí en Galicia unicamente hai dous equipos: o Amfiv de Vigo, na categoría de honra, e o Basketmi Ferrol, en primeira división.