As Torres remata segundo no Cpto. de España de maraton

piraguismo250_030609.jpgSALNÉS> Os de Catoira finalizaron segundos no Campionato de España de Maratón celebrado en Lugo, que era a segunda proba valedeira para a Copa de España de Ascensos, descensos, travesías e maratón. Tan só o Aranjuez foi quen de superar a As Torres, victoria que permite ós madrileños afianzar o seu liderato.

As Torres Romería Vikinga continúa a asinar unha boa temporada. Na última proba disputada en augas do Río Miño, en Lugo, os de Catoira remataron en segunda posición tan só superados polo Aranjuez, que continúa líder da xeral por equipos nesta Copa de España de Ascensos, Descensos, Travesías e Maratón. Por detrás destes dous, claros dominadores da competición, situáronse na quinta praza o Illa de Arousa, e na décima o Breogán. Máis alonxados da cabeza clasificáronse Náutico o Muiño e Pontecesures, nunha competición na que se deron cita 77 equipos de toda España.

En canto ás actuacións máis destacadas deste campionato sobresaíu a de Ramón Ferro e Óscar Graña, do piraguismo A Illa, que impuxeron a súa lei no C-2 para aventaxar en 20 segundos ós grovenses Mascato e Ribademar. María Pérez, de As Torres, venceu no k-2 acompañada por Mara Santos, do Palentino de Piragüismo.

Nos k-2 xuvenil, en homes, Alfonso Oreiro, do Muiño, foi terceiro con Diego Castro, do Vilaboa. Mesmo resultado acadado nas mulleres por Belén Pose e Sandra Acuña de As Torres.

Ademais, esta mesma semana a Federación Española de Piragüismo fixo pública a lista de convocados para a Copa do Mundo de maratón que se celebra dentro de 10 días en Copenaghue, a fin de semana do 13 e o 14. Miguel Salgado, Belén Pose, Sandra Acuña e Diego Romero representarán a As Torres; Adolfo Dominguez e Alfonso Oreiro ó Náutico o Muiño, con Adrián Domínguez do Breogán do Grove. Arturo Paz, do Club Illa de Arousa acudirá en calidade de técnico.

Redacción Salnés